PROPOSTA DE
INNOVACIÓN DOCENTE NO ENSINO E NA APRENDIZAXE DAS
LINGUAS E LITERATURAS ROMÁNICAS
O Simposio
enmárcase nos traballos do Grupo de Innovación
Educativa no Ensino-Aprendizaxe das Linguas e
Literaturas Románicas da UDC, que obtivo unha
avaliación positiva da súa actividade no curso
2017-2018. O GIE está composto por Gema Vallín,
coordinadora; M. Dolores Sánchez Palomino,
coordinadora do Grupo de Estudos Románicos e
Comparados (ROMANYCOM) no que se integra o GIE,
Emiliana Tucci, e as doutorandas Carla Castro e Raquel
Jabares, todas membros de ROMANYCOM. As súas
principais liñas de actuación consisten na
incorporación de metodoloxías activas na docencia
presencial e semipresencial das materias da área de
Filoloxía Románica e no emprego de recursos
tecnolóxicos para a mellora da aprendizaxe nesas
materias.
Dado que o obxecto da docencia do grupo abarca tanto as linguas e literaturas medievais como as linguas modernas, así como o ensino do italiano desde o punto de vista instrumental, de cara ao curso 2018-2019 e seguintes o GIE acordou levar á práctica algunha actuación que puidese servir como punto de encontro desas vertentes. A idea que se propoñerá aquí consiste na elaboración dunha plataforma en liña para o estudo dos textos románicos tanto desde a perspectiva lingüística como literaria, e tanto na época antiga como na contemporánea, de modo que eses textos poidan canalizar a aprendizaxe activa por parte do alumnado. Un dos trazos máis salientables deste proxecto reside no feito de que sexan os propios alumnos, guiados polas súas profesoras, os que vaian confeccionando e subindo os contidos da plataforma, que constituirá unha base de datos textual de diferentes períodos, con diversas seccións nas que os estudantes irán examinando os seguintes aspectos: estudo do autor e do contorno histórico-literario da obra, noticia bibliográfica, análise das características lingüísticas desde o punto de vista sincrónico e diacrónico, relación con outras linguas e variedades románicas, descrición tipolóxica e estudo dos trazos métricos e retóricos, análise das relacións intertextuais e finalmente exame das relacións que se establecen con outras disciplinas, como a música, a arte, a xeografía etc., de maneira que poidan incorporarse igualmente gráficos, imaxes e son. Existirá tamén un foro de debate para o intercambio de ideas e información. A integración da tecnoloxía no traballo dos estudantes pode constituír un aliciente fundamental para a súa motivación na aprendizaxe, permitindo que pasen de ser meros suxeitos pasivos a ser axentes imprescindibles do proceso.
|